Proxecto lingüístico


Proxecto Lingüístico

Elabórase ó abeiro do Decreto 79/2010, do 2 de maio, DOG do 25,que establece no seu artigo 14º o porcedimento a seguir, contidos e comisión de persoas encargadas da súa redacción. O artigo 15º establece a estrutura e funcións dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega:
1. Cada centro, dentro do seu proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico cada catro cursos
escolares, no cal se fará constar:
a) A decisión do centro educativo respecto da lingua en que se impartirán as materias de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.
b) En educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, as medidas adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio das linguas poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle imparten.
c) Nos centros que imparten formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas, e ensinanza de persoas adultas, os procedementos que aseguren que o alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas oficiais.
d) Os obxectivos xerais e as liñas de actuación deseñadas polo centro para o fomento da lingua galega.
2. O proxecto lingüístico será redactado por unha comisión do profesorado do centro, nomeada polo equipo directivo e oída a comisión de coordinación pedagóxica. Formarán parte dela, como mínimo, os xefes/as dos departamentos de linguas e o coordinador(a) do equipo de dinamización da lingua galega. Será aprobado e avaliado polo consello escolar do centro educativo.
3. Este proxecto remitiráselles cada catro cursos escolares aos servizos da inspección educativa, que velarán para que o seu contido se axuste a este decreto e ao desenvolvemento da Lei orgánica de educación.
4. Anualmente, elaborarase unha addenda do proxecto lingüístico na cal conste:
1. Nos centros que imparten educación infantil, os resultados da pregunta aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumnado para obter información respecto da lingua materna predominante entre o alumnado, e as actividades e estratexias de aprendizaxe para que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das linguas oficiais.
2. En todos os centros en que haxa unha modificación na impartición de materias en lingua(s) estranxeira(s), información sobre os cambios aprobados polo centro e autorizados pola consellería competente en materia de educación.
3. En todos os centros, información e valoración dos programas e actividades para o fomento e dinamización da lingua galega realizados polo centro educativo no curso anterior e información do que se vai desenvolver no curso seguinte.
5. Sen prexuízo do previsto na epígrafe 4 deste artigo, a Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia, como establece o artigo 14.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.
Artigo 15º.-Equipos de dinamización da lingua galega.
1. Para potenciar o uso da lingua galega nos centros sostidos con fondos públicos, constituirase un equipo de dinamización da lingua galega, nomeado e supervisado pola dirección do centro e formado polo seu coordinador(a), por profesorado, por representantes do alumnado (agás no ensino infantil e primario) e por persoal non docente.
2. A composición do equipo de dinamización da lingua galega para cada tipo de centro, as súas competencias, e o nomeamento, cesamento e competencias do seu coordinador serán establecidas nos regulamentos orgánicos dos centros educativos. Na constitución destes órganos tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes.
3. Os equipos de dinamización da lingua galega terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos, contarán co apoio técnico necesario e os centros  educativos terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.
4. A consellería competente en materia de educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coordinará o labor dos equipos de dinamización da lingua galega e divulgará as experiencias positivas desenvolvidas nos centros educativos.
5. Con esa finalidade coordinadora, constituiranse comisións en cada xefatura territorial de educación.
A súa composición e funcións específicas serán determinadas pola consellería competente en materia de educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo coas directrices da política lingüística da Xunta de Galicia.
Fonte: DOG – data citada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario